ECONOMÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

ECONOMÍA

O relato económico dos últimos anos ten sido esencialmente positivo para o conxunto da Humanidade. A progresiva liberalización do comercio  ten favorecido unha prosperidade xeral e o periodo de paz máis duradeiro da historia en Occidente. A fame é unha lembranza dun pasado cada vez máis lonxano, e a existencia de clases medias como motor principal do funcionamento económico é unha realidade.

Nembargantes, o proceso de globalización está a ter unha serie de inconvintes que, nos últimos anos, tenden a aumentar as desigualdades. Estas desigualdades aumentan a partir da diminución dos salarios reais mediante políticas chamadas de austeridade e a través da chamada movilidade xeográfica de traballadores no espazo Schengen. Realmente, esa é a outra cara da moeda dos procesos de integración rexional e nomeadamente do europeo: ao carecer dunha política monetaria propia, a maneira máis rápida de ser competitivos é reducindo custes salariais, dado que xa non temos unha moeda que devaluar.

As receitas para poder deter este aumento das desigualdades son diversas, pero nós podemos propoñer as seguintes:

1.            Cómpre un gran pacto social entre traballo e capital. A redución de custes xerada polo I+D+i ten que servir para manter o poder adquisitivo dos salarios e que así tanto o capital como o traballo poidan saír beneficiados do progreso. A consecución dese acordo mediante o diálogo entre goberno e axentes sociais é fundamental para garantir a paz e a xustiza sociais.

2.            Executar en determinados momentos a posibilidade de deixar en suspenso o Tratado Schengen. Por responsabilidade cos nosos cidadáns e cos que aspiran ao ser algún día, temos que controlar os fluxos migratorios, o cal favorecerá a cohesión social.

3.            O sistema tributario ten que ser efectivo e asegurar que as rendas máis altas paguen os seus impostos sen recorrer a trucos de enxeñeiría fiscal. De conseguirmos isto, a medio prazo podemos plantexar mesmo unha baixada de impostos para estimular o consumo e o investimento.

Os mecanismos de regulación teñen que ser máis efectivos, especialmente no referente á banca privada, e sancionar as entidades que incumpran o establecido polo Banco de España. Asimesmo, para favorecer a creación de riqueza propoñemos a instauración dunha Banca Pública Galega especializada en créditos a baixo xuro para iniciativas de autoemprego, PEMES, economía social…

Outro sector onde a regulación se fai máis necesaria ca nunca é o enerxético, tanto no referente a prezos máximos que hai que recuperar como á instauración de lexislacións antioligopolio que eviten situacións coma a do mercado de hidrocarburos, onde tres empresas copan o 90% das vendas. Neste sentido, haberá que dar a batalla nas institucións europeas.

POLÍTICAS SOCIAIS

É indubidable que o Estado do Benestar surxiu en Europa Occidental como modelo alternativo ao existente tras do Telón de Aceiro durante a Guerra Fría, e non é menos certo que a queda da URSS e dos reximes comunistas do Leste levou a unha reformulación do mesmo. Agora mesmo observamos con preocupación que, baixo o pretexto de aforrar ou optimizar gastos, se están recortando servizos e prestacións sociais que até o de agora se consideraban esenciais.

Nós consideramos que o Estado do Benestar é unha garantía para asegurar a igualdade de oportunidades con independencia da orixe social, e tamén o mecanismo que asegura tratar con xustiza aos grupos máis vulnerables da sociedade. É por iso que defendemos a necesidade de contar cunha educación e sanidade públicas e de calidade, sen perxuízo da colaboración co sector privado mediante concertos para aproveitar a existencia de novos modelos pedagóxicos e a existencia de avances en investigación respectivamente; rexeitamos en sanidade o sistema de copagamento das menciñas e apostamos pola utilización de medicamentos xenéricos como método para aforrar custes. Finalmente, e no ámbito das pensións, consideramos imprescindible voltar ao sistema que aseguraba o mantemento do poder adquisitivo das pensións, o cal só se consigue vencellando o seu aumento ao IPC anual, así como introducir unha axuda destinada a que os menores de idade en familias con risco de exclusión social poidan seguir estudando e non teñan que porse a traballar.

Todos estes dereitos non poden ser, en ningún caso, escamoteados ao conxunto da poboación co pretexto de sermos máis competitivos. Pode contemplarse a posibilidade de introducir algún elementos propios da xestión empresarial nos servizos públicos, pero sen esquecer que neste servizo o cliente é o cidadán que paga a través dos seus impostos e que ten que quedar satisfeito.