Por unha boa causa

28-03-2015 17:30

Despois de décadas sendo esquilmados polo Réxime do 78, con gobernos de duopolio e sindicatos amestrados, por fin unha masa importante da poboación mostra a súa mais profunda indignación.

Para os políticos corruptos, poder continuar no poder, é un premio inmerecido a mais de que se lle envía unha mensaxe de impunidade.

Por iso chegou a hora idónea de expulsalos definitivamente. Acabar con eles antes de que eles acaben connosco.

Estas próximas eleccións municipais teñen que ser o inicio dunha limpeza necesaria nos órganos de poder. Hai que desaloxalos de todas e cada unha das institucións nas que se asenta o Réxime.

Unha vez rematada a limpa hai que modificar o sistema, de tal xeito que permita o control popular, por ser esta a única forma de que os cargos electos respondan aos intereses da maioría e non das minorías de sempre.

Isto conleva unha modificación da Constitución na que tamén hai que incluír o recoñecemento de dereitos básicos a garantir como vivenda, saúde, traballo, ensino e protección social.

A medida que o pobo vaia ocupando o poder, hai que levantar alfombras, verificar existencia de irregularidades e exixir responsabilidades trasladando a tribunais independentes as probas necesarias.

Para rematar, reparación na medida do posible, do dano causado por parte dos causantes. Nesto non basta con investigar  aos grupos relacionados coa xestión política. Tamén hai que incluír aos cómplices necesarios entre os que se topan o sistema financeiro e grandes empresas usufrutuarias da corrupción e xeneradoras das portas xiratorias.

Tomemos como exemplo a banca que logo de ser a orixe da crise que padecemos, non só están a eludir responsabilidades se non que, por riba co a colaboración política, transforman unha débeda privada en débeda publica que chega aos 100.000 millons e que, se non se remedia, teremos que pagar entre todos sen que,  por outra parte, non se nos considere nin xiquera accionistas.

Pois ben, isto pode ter remedio se se decide arrinconar á clase política que o provocou e o sustenta.

Pola nosa parte estamos a traballar para que os electores dispoñan de unha oferta alternativa mais na que escoller, galeguista e centrada, disposta a impulsar as  transformacións necesarias e, por outra parte, evitar que a frustración se transforme en desencanto e abstención por que, a abstención, tamén beneficia aos corruptos instalados no poder.