Os Orzamentos da Xunta
Ao botarlle unha ollada aos orzamentos da Xunta para o 2015, observamos que non hai nada relevante que destacar, non hai medidas excepcionais para paliar a crise que soportamos, pero si se introduciu algunha reforma encamiñada a reforzar electoral e clientelarmente ao PP.
Alberto Núñez Feijóo é consciente de que ten moitas posibilidades de non acadar a maioría suficente para seguir a ser Presidente da Xunta de Galicia. Só así se poden explicar certos eixos de actuación do proxecto de lei de orzamentos para o 2015.
Introducen un aumento testemuñal do gasto en asuntos socias, do 0,5%, que lle vai permitir o discurso manido de gabarse de que sobe o gasto social, tal e como fixera Rajoy co as pensions.
Nembargantes, hai un aumento dos gastos en persoal de gabinete, asesores persoais, así como unha cláusula que permitirá reforzar a administración paralela da Xunta (os coñecidos “chiringuitos”), para contratar discrecionalmente funcionarios e persoal laboral para as súas plantillas.
Cómpre lembrar que se veu reducindo o nivel de gasto anterior ao 2009, que non se ten recuperado e, vistos estes números, nesta ocasión tampouco hai a intención de facelo. Estes orzamentos supoñen, pois, unha volta aos peores métodos do fraguismo. O presidente da Xunta gasta o diñeiro público en refacer unha rede clientelar que lle permita manter o poder máis alá de 2016 ou, cando menos, deixar enchufados a amigos e familiares, e iso consiguese dispoñibilizando prazas de adxudicación arbitraria e discrecional na administración autonómica. Con isto a Xunta de Galicia é menos goberno e máis axencia de colocación, o que demostra que todo o discurso de austeridade que Feijóo tentou vender durante estes anos era pura pantalla, un intento de proporcionar un envoltorio diferente a unhas medidas impulsadas polo goberno central e que él, como militante disciplinado do PP, aceptou sen pestenexar.Consideramos que, máis alá de prover aos servizos sociais dun orzamento suficiente e de adoptar medidas anticrise, condean ao cidadán a confiar na propia potencialidade da sociedade para afrontar a recuperación económica, cando iso debería pasar por, entre outras cousas, unha reforma fiscal que afrouxe o peso que están a soportar as clases medias e baixas, que persiga o fraude con eficacia e elimine figuras societarias que só serven para eludir impostos.