Os intocables

07-09-2016 18:48

Alberto Garzón, de IU, con motivo do nomeamento de Soria para o Banco Mundial, declaraba que o curriculum do exministro “ está enfangado de relaciones oscuras con multinacionales como Repsol”.

De inmediato o preboste Antonio Brufau, presidente de Repsol, envíalle unha misiva na que lle advirte, ou ameaza, a Garzón con demandalo se volve a aludir a esas relacións escuras.

Isto recórdanos esa típica escena, das películas de ganster, na que o padriño, durante unha conversa cun interlocutor, achégalle a boca ao oído para, cunha voz grave, ton suave pero mostrando autoridade, advertir que se está a meter en terreo perigoso e iso pode traerlle consecuencias nefastas.

Este intento de censura a un cargo electo son das cousas que sublevan por dentro a calquera demócrata.

Antonio Brufau e Manuel Soria

As grandes corporacións de este país teñen gozado do privilexio de ausencia de crítica externa, falta de control público e impunidade. Teñen sido os putos amos, con mais privilexios que un monarca, o que tén reforzado o seu ego e levalos a sentirse omnipotentes.

A pesares de estar mais que demostrado que establecen portas xiratorias para políticos escarriados,  mostran unha carencia de pudor impresionante.

Están acostumados a comprar silencios e servilismo e, ante comportamentos inusuais, tiran  do consabido non sabe vostede con quen está a tratar.

Isto xa non é que cheire a podre, fede que calcatrea.

Cómpre que vaia cundindo o exemplo de Alberto e traia  un aumento de honestidade e valentía, para ir metendo en verea a todo este persoal.