Ollando o presente e pensando no futuro

30-08-2016 00:16

 

Coalición Galega, vendo a necesidade de que Galiza conte cunha importante forza autóctona, considerou que era o momento de xuntar forzas cara as eleccións.

Logo do desencanto do resultado das eleccións xerais, había que intentalo unha vez mais cara ás autonómicas. Pola nosa parte fíxose un esforzo importante, chegamos a reunirnos e manter conversas con outras seis forzas, mais factores de diversa índole fixeron que non se chegase a tempo e se decidise pospoñelo.

O factor que maiormente condicionou foi a premura, por falta tempo, para un proceso que, ao haber esa cantidade de protagonistas, tén que ser forzosamente algo mais prolongado.

Así topamos con proxectos que “pintaban” ben, cunha velocidade de cruceiro suficiente, pero por mor das meigas, nas que non cremos pero habelas hainas, quedaron paralizados a medio camiño. E outros que esmoreceron antes de iniciarse.

Un factor bastante determinante é o medo ao ridículo sobre todo de aqueles políticos pertencentes a unha clase de nobreza vida a menos.

Outro factor condicionante foron as estratexias a nivel persoal e colectivo, nuns casos unicamente por egoísmo, por ver de tirar proveito, e noutros, con sentido mais altruísta, o medo a entornar o patrimonio electoral, e de prestixio, acadado ate o momento.

Entre as forzas contactadas, nas de maior presenza na sociedade, en parte quizás pola propia dinámica interna de masas, observábase bastante inmobilismo, aparentemente ideolóxico, incomprensible nuns casos polos  minguantes resultados electorais obtidos, que normalmente aconsellan mudanza, e noutra banda tamén pero  polo exceso de euforia debida ao efecto contrario. Pan para hoxe e fame para mañá.

Por último aqueles que non teñen tanta presenza social observaban como os “grandes” tiñan a aspiradora en marcha para succionalos coma lixo.

Isto é, o mais sintetizado posible, como se botan a perder causas de interese xeral polas circunstancias e pola condición humana.

Así foi que por non ter conseguido ese obxectivo, e por non obstaculizar aos que tentan dar unha representacíon galega enxebre  ao Parlamento, decidimos quedarnos ao marxe nestas eleccións.

Sen ánimo de ser videntes nin presumir de ter unha boliña de vidro, todo parece indicar que o próximo Parlamento galego vai estar integrado polo grupo da “camorra”, polo grupo dos inimigos íntimos e por esa, moi respetable, especie de macedonia de esquerdas con suaves toques de galeguismo glamuroso light, dito isto sen ánimo de incomodar.

Á vista de iso,  o nacional galeguismo, quedaría sen representación ou moi escuálida.

Dado que o motor do progreso é proporcional ao grao de insatisfación dos individuos e que os humanos somos capaces de tropezar varias veces na mesma pedra é polo que nós, pasadas as eleccións, tentaremos novamente de loitar por esa necesaria forza autóctona, sen aditivos nin sucedáneos, dispostos a colaborar con todo aquel que queira arrimar o ombro.