En defensa da nósa lingua

10-07-2015 22:04

Coalición Galega vén de aderirse ao manifesto da Mesa Pola Normalización Lingüística en defensa da nósa lingua e participará nos actos que se han de celebrar en Santiago o próximo mércores dia 15.

Reproducimos integramente o manifesto:

DECLARACIÓN A PROL DA NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

A lingua galega é a grande obra colectiva do pobo galego. A que nos une e nos identifica, a que nos dá voz propia nun mundo plural e diverso ao que queremos contribuír.

O galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo. O idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas as xeracións presentes, en todos os ámbitos, na cultura, na educación, no progreso social, económico e político.  

Recentes estudos de organismos oficiais voltaron pór de manifesto un preocupante retroceso social da lingua que mostra a necesidade de avanzarmos para erradicar vellos e novos prexuízos.

É preciso un abrir unha nova etapa de normalidade para a lingua galega, coa implicación de todos os sectores, afirmando conxuntamente a nosa intención de aplicación, mellora e introdución de todo canto for preciso para garantir o dereito a vivirmos en galego e conseguirmos para el verdadeira igualdade e oficialidade real, tomando como punto de partida os acordos comúns e amplos establecidos na Lei de Normalización Lingüística, na Lei de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais, e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.

Do mesmo xeito, reafirmámonos no disposto na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos promovida en 1996 pola UNESCO e na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado español en 2001, e ambas as dúas coa adhesión unánime do Parlamento galego.

As organizacións políticas galegas, coas nosas diferentes alternativas, proxectos e ideoloxías, queremos manifestar a nosa unidade na vontade de normalizar a lingua galega e devolverlle o protagonismo que nunca debeu perder, retomando e iniciando todas as medidas e accións que foren precisas para a súa reposición, rehabilitación e plena normalidade, comprometéndonos a reactivalas e promovelas en todas as áreas e institucións onde teñamos responsabilidade de goberno.

 

Para mais información  na web da Mesa Pola normalización Lingüistica