Complicado pero posible

02-09-2016 21:40

Rajoy acaba de ser rexeitado democraticamente pola súa teima en manterse na súa actitude de soberbia e inmobilismo.

Parécenos que esa soberbia, ademais de que o leven impreso no ADN, viría abonada pola crenza dunha  suposta falta de alternativa á súa candidatura.

Sería saudable, democraticamente, que este tipo de comportamentos autoritarios foran condenados a permanecer fóra do goberno perpetuamente, por que é o único xeito de que se reformen os que o practican.

Según os conservadores, calquera alternativa pasa por un totum revolutum que afundiría no caos a España. Ou nós ou terceiras eleccións, ou o caos. España xa é un certo caos polo tanto só se pode empeorar se continúan a gobernar os mesmos.

Hoxe na televisión facíanlle unha pregunta clave á señora Levy, a portavoz catalana dos conservadores, “¿Vostede que prefire, un goberno PSOE-Podemos ou terceiras eleccións?”.Como a resposta responsable que tería que dar vai en contra da súa estratexia de chantaxe e de carencia de alternativa, saíu polos cerros de Úbeda. Ese é o seu interese patriótico.

Como xa vimos dicindo, os socialdemócratas teñen agora a responsabilidade principal de que non se celebren unhas terceiras eleccións. Os demais tamén, aínda que en menor medida.

Sería altamente desesperanzador e incrible que non houbera alternativa á delincuencia organizada, por que nos converteríamos nun estado fallido.

Sería altamente desmoralizante e insidioso que a clase política non estivera á altura das circunstancias. Porque tamén está en xogo darlle continuísmo ao neofranquismo democrático ou se deixamos atrás, dunha vez, o réxime do 78 para facer unha ruptura hacia unha democracia popular e participativa.

Non vai ser fácil crear a alternativa. Todo depende de cómo se establezan as prioridades e os límites dos obxectivos a conseguir.

O primeiro obxectivo, diriamos incluso o mais importante, e devolverlle á xente a confianza na política, en que a democracia é o mellor sistema posible, que o dialogo tén que prevalecer por enriba de egoísmos e autoritarismos, en que aqueles que nos maltratan politicamente teñan o merecido castigo de ser apartados do goberno.

Entendemos que, dadas as disparidades que existen entre os que han de construír esa alternativa, o mais adecuado e chegar a un acordo de mínimos para unha lexislatura corta, para saír do paso e poñer a andar a maquinaria democrática.

Botando man da aritmética parlamentar, perece que o mais axeitado é que se conforme un núcleo principal, PSOE-Podemos, entorno ao que, a base de dialogo, se poida chegar a ese acordo de mínimos co resto.

Nós cremos que ese acordo de mínimos tería que xirar arredor dos seguintes temas:

Modificación da Lei electoral tomando como circunscrición as autonomías para un reparto mais proporcional aos votos, dos cargos electos. Malamente se pode ter unha democracia de calidade se fallan os fundamentos.

A corrupción é unha lacra que empobrece e empodrece todo o demais. Hai que comezar por tomar medidas anticorrupción ao dia seguinte de constituírse o goberno. Empezando por lexislar para que a xustiza sexa independente do poder político. Continuando por non obstaculizar á xustiza e por á súa disposición tódolos medios posibles para que investiguen e sentencien tódolos casos que se dan actualmente e poidan aparecer no futuro. Lexislar para establecer medios de control sobre os comportamentos políticos para frear a cobiza. Non poden seguir na rúa os responsables de corruptelas e moito menos ocupar un escano.

Acordos sobre medidas económicas a adoptar para endereitar o rumbo e dar esperanzas de recuperación.

Acordos sobre recuperación de dereitos básicos e políticas sociais. Modificación da lei laboral. Recuperar a protección aos sectores mais desfavorecidos e febles. Derogar a lei mordaza para que os cidadáns volvan a ter a sensación de vivir sen censura.

Reformar a elección dos cargos no Tribunal Constitucional e modificar as súas competencias para que sexa un órgano asesor e de arbitraxe.

No que respecta ás relacións coas CCAA, menos presión económica, de recortes e un reparto mais equitativo, por parte do goberno central, da diminución do déficit. Acabar co as inxerencias e invasións de competencias perpetradas de continuo polos conservadores, nunha recentralización para converter as autonomías en meros entes administrativos. Mellorar a financiación e derogar o FLA  para establecer outros mecanismos de dialogo. Priorizar unha saída política aos conflitos entre administracións.

Isto, en liñas xerais, debe ser perfectamente asumible polo resto das forzas alternativas, aínda que se poidan presentar pequenas demandas de matizacións por parte de algunha, tendo en conta que se trata de saír do impasse, evitar que continúen os reaccionarios e que se trataría de unha lexislatura de dous anos, a menos que as cousas rodaran tan ben que se decidira continuar.

Os partidos nacionalistas, nestes momentos, non aspiran a milagres. Unicamente esperan o que anteriormente se propón, que se lle afloxe o lazo económico e que deixen de meterlle as napias os gobernantes da Moncloa.

Polo que respecta a Ciudadanos, se son minimamente dignos e coherentes, unha vez fracasado o seu intento de entronizar a Mariano, ao que lle deben de anotar este fracaso, tal e como veñen predicando non deben bloquear unha alternativa e, cando menos, absterse polo ben de España.

De acontecer así, nada impide que a aritmética de un goberno alternativo se impoña.