Basauri: a fobia do PP á democracia directa
O concello de Basauri pretendía, no mesmo día das eleccións galegas e vascas, facer unha consulta popular sobre un plan de rexeneración urbanística de tres barrios. Un macroproxecto que inclúe a construción de abundantes vivendas e incluso unha nova estación de ferrocarril.
O goberno municipal enmarcou a celebración da convocatoria no artigo 82 da Lei de Institucións Locais de Euskadi, aprobada hai poucos meses. Nela establecese que “as entidades locais vascas poderán levar a cabo consultas cidadáns abertas de carácter local sobre políticas ou decisións públicas”.
Non obstante xa non poderá celebrarse por que o Goberno madrileño do PP, a través do tándem Delegado do Goberno-Abogacía do Estado, conseguiu prohibilo.
Nesta ocasión non se daban as circunstancias das manidas escusas de que se rache España ou teñan que votar o resto dos españois. Trátase dun asunto importante pero domestico, sen transfundo político aparente.
Entón temos que sospeitar que tras a negativa rotunda á celebración dun referendum en Catalunya, había algo mais que o medo á independencia.
Había e hai unha verdadeira fobia ás consultas populares, á democracia directa, por que isto propicia unha perda de control, do poder, sobre as decisións políticas.
Neste caso parece unha cuestión irrelevante pero o PP tén pánico que se estea a sentar un precedente para un futuro de barra libre, que as consultas proliferen como os fungos. Sobre todo en lugares como Euskadi ou Catalunya onde poden ser mais propensos a cuestionar asuntos bastante mais relevantes, fóra do ámbito municipal.
O control político absoluto permite a corrupción absoluta. Tamén aumenta o volume de “negocio” e o reparto de dividendos.
Tamén a recentralización política produce os mesmos efectos. Non teñen escrúpulos ninguns en obstaculizar o progreso do país con tal de obter réditos.
Detrás de grande parte dos prexuízos peperos non está a res pública, está o de sempre, mais sobres e para os demais as sobras.