Os Orzamentos da Xunta

15-11-2014 10:04

Ao botarlle unha ollada aos orzamentos da Xunta para o 2015, observamos que non hai nada relevante que destacar, non hai medidas excepcionais para paliar a crise que soportamos, pero si se introduciu algunha reforma encamiñada a reforzar electoral e clientelarmente ao PP.

Alberto  Núñez Feijóo é consciente  de que ten moitas  posibilidades de non acadar a maioría suficente para seguir a ser Presidente  da Xunta de Galicia. Só así se poden explicar certos eixos de actuación do proxecto de lei de orzamentos para o 2015. 

Introducen un aumento testemuñal do gasto en asuntos socias, do 0,5%, que lle vai permitir o discurso manido de gabarse de que sobe o gasto social, tal e como fixera Rajoy co as pensions.

Nembargantes, hai un aumento dos gastos en persoal de gabinete, asesores persoais, así  como  unha  cláusula  que  permitirá  reforzar a administración  paralela  da  Xunta  (os coñecidos “chiringuitos”), para  contratar  discrecionalmente  funcionarios  e  persoal  laboral  para  as súas plantillas.

Cómpre lembrar que se veu reducindo o nivel de gasto anterior ao 2009, que non se ten recuperado e, vistos estes números, nesta ocasión tampouco hai a intención de facelo. Estes orzamentos supoñen, pois, unha volta aos peores métodos do fraguismo. O presidente da Xunta gasta o diñeiro público en refacer unha rede clientelar que lle permita manter o poder máis alá de 2016 ou, cando menos, deixar enchufados a amigos e familiares,  e iso consiguese dispoñibilizando prazas de adxudicación arbitraria e discrecional  na  administración autonómica.  Con  isto  a  Xunta  de  Galicia  é  menos  goberno  e  máis  axencia  de colocación, o que demostra que todo o discurso de austeridade que Feijóo tentou vender  durante  estes  anos  era  pura  pantalla, un  intento  de  proporcionar  un envoltorio diferente a unhas medidas impulsadas polo goberno central e que él, como militante disciplinado do PP, aceptou sen pestenexar.Consideramos  que,  máis  alá  de  prover  aos  servizos  sociais  dun  orzamento suficiente e de adoptar medidas anticrise, condean ao cidadán a  confiar  na propia potencialidade  da  sociedade  para  afrontar  a recuperación económica, cando iso debería pasar por, entre outras cousas, unha reforma fiscal que afrouxe o peso que están a soportar as clases medias e baixas, que persiga o fraude con eficacia e elimine figuras societarias que só serven para eludir impostos.