Non hai nada peor que unha administración corrupta

11-02-2015 13:52

Das enquisas poderíase desprender que a sociedade escarmentada está disposta a castigar ao Réxime do 78, representado principalmente polo duopolio PP-PSOE. Non obstante, non os podemos dar aínda por mortos por que, non sería a primeira vez, que o touro amouchado na area se ergue para cornear ao toureiro.

Acabo de ler nun diario que Arriola, o estratega de cabeceira do PP, confía en repetir o “éxito” da UCD.

Este “éxito” consistiu en obter 165 escanos, a 13 da maioría absoluta, con unicamente o 35% dos votos e con estes resultados gobernar comodamente.

Ese “exito” partiu dunha lei electoral deseñada pola propia UCD, co a presión dos sectores franquistas,  á medida das súas necesidades. Previamente tiñan feito estudos demoscópicos que lle indicaban a porcentaxe de voto e, algo moi importante e definitivo, cal era o seu espectro social.

Entón deseñan un sistema con dúas características adecuadas á consecución do éxito:

Circunscricións mínimas e reforzadas pola lei D´hont. Isto favorece a redución de partidos por que castiga aos mais pequenos expulsándoos do reparto de escanos e incrementando os dos maioritarios entre os que estaba a UCD.

Por outra parte, os expertos do partido centrista, tiña detectado que unha maioría do seu electorado ubicábase no rural. Normalmente o rural coincide co as provincias con menor densidade de poboación. A estratexia consistía en buscar a maneira de potenciar ese voto rural cousa que conseguiron asignandolle as provincias mais despoboadas unha representación, en número de escanos, bastante desproporcionada con respecto ás mais poboadas, é dicir, a medida que as  provincias son mais “pequenas”, conséguese un representante con menos votos. De tal xeito que un voto dunha provincia rural pode equivaler a 2,3 ou 4 votos dunha provincia mais urbana.

Dado que este sistema segue en vigor e o espectro electoral do PP tén bastantes coincidencias co da UCD, é polo que os de Rajoy teñen a esperanza de poder repetir suceso, distanciarse dos seus inmediatos seguidores en número de escanos e con isto servirlle en bandexa ao PSOE todas as escusas precisas para que lle permita gobernar en minoría con pactos puntuais entre ambos.

Efectivamente, o sistema electoral é tan desproporcionado, con un bipartito aferrado aos seus intereses e privilexios, con unha Constitución que impide a intervención directa dos cidadáns entre períodos electorais, que ese risco existe.

Pois ben, agora tócalle aos cidadáns rachar esas previsións por que do contrario topariámonos co seguinte panorama:

  1. Un goberno do PP co a colaboración do PSOE, despois de todo o acontecido, desmoralizaría á cidadanía pola sensación de predestinación, de imposibilidade de mudar o futuro e de estar condenados ao fatalismo. Tal cual o quere pintar o bipartito. E iso, obviamente, axudaría a ambas forzas a recuperar terreo perdido e voltar ao bipartidismo anterior.
  2. Os problemas creados polos nosos dirixentes teñen a súa orixe nunha impunidade que se debe ao articulado a Constitución. Así pois, isto fai que se convertan en problemas sistémicos que unicamente teñen solución se se introducen os  cambios necesarios na Constitución.

As modificacións da Constitución precisan do apoio dos 2/3 dos deputados. En consecuencia, calquera partido que teña mais de 1/3 pode bloquear a reforma da Constitución. O PSOE admite disposición a reformas de pouco calado que non vaian ao fondo, que non alteren o entramado bipartito. Polo que respecta ao PP só está disposto a introducir as reformas que lle encarga a Merkel. Que dicir tén que calquera de ambos dous, que acade mais de 1/3 dos deputados, vai impedir as necesarias reformas da Constitución.

  1. Unha das funcións da democracia é permitir aos cidadáns penalizar ou premiar os comportamentos dos partidos políticos e estes non dispoñen de outros baremos para contrastar a súa aceptación que a resposta electoral dos votantes.

Un goberno pode ser moi criticado pero se o electorado o premia pode defenderse das críticas alegando respaldo social para continuar aplicando as mesmas recetas políticas.

Un goberno que, por moito que nos queixemos de que incumpre totalmente o seu programa electoral con recortes en sanidade e educación, que desprotexe aos mais indefensos, que fai reformas laborais que levan á pobreza e desemprego, que minte continuadamente, que aproba leis autoritarias para reprimir as protestas cidadáns, que incrementa os impostos e as desigualdades fiscais, que constrúe redes mafiosas de conseguidores e favores ao seu entorno, que trata de controlar a información e principalmente dos medios públicos, que trata de someter ao poder xudicial, que propicia as portas xiratorias, que estraga o erario público en beneficio propio, etc., etc., si finalmente acada o respaldo suficiente para seguir a gobernar, queda automaticamente autorizado a non modificar nin unha coma das súas políticas.

¿Onde está pois a clave resolutoria? Nos votantes do PP e PSOE, por suposto. Son os únicos que lle poden retirar o apoio a ambas forzas. Por iso toda a estratexia xira en torno a asustar aos seus votantes.

Sobre  todo no PP, tratan de infundir medo ao descoñecido, “ou nos ou o caos”. Tamén poñen en marcha o ventilador para insinuar o inevitable do destino fatal: Fagas o que fagas estás condenado a ter os mesmos gobernantes corruptos.

Di o refrán que a ocasión fai ao ladrón. Para que se dea corrupción teñen que darse, como mínimo, dúas  condicións: imposibilidade de control cidadán e impunidade. Se se eliminan esas condicións, elimínase a corrupción. E iso é posible introducindo modificacións lexislativas. Polo tanto non é irremediable que sexamos gobernados por corruptos.

Din que se eles non continúan todo pode ir a peor. Totalmente falso. Non hai nada peor que unha administración corrupta por que, por unha banda, de aí derívanse o resto de males e problemas e, por outra, é imposible un bo goberno, un goberno xusto e progresar con un goberno corrupto.

Non hai mais que ver países con gobernos autoritarios ou democráticos con gobernos corruptos, para ver que son os mais atrasados do planeta. Por exemplo, países de Sudamérica con democracias totalmente minadas pola corrupción onde todo se compra e se vende, dende un policía, pasando por un xuíz e acabando no goberno. Cunha ampla maioría da sociedade empobrecida e inculta. Onde non existe ningunha seguranza. Onde non hai mais xustiza que a que facilita o diñeiro. Onde a maioría da poboación carece dun futuro esperanzador. Todo isto é o resultado de continuos gobernos corruptos, que acaban contaminando ao resto dunha sociedade carente da formación suficiente para defenderse.

Aínda que aquí non se chegou a esas situacións límites, é mais fácil converterse en Venezuela pola continuidade de gobernos corruptos,  que se estes son substituídos por outros mais limpos.

Creo que ser de dereitas e honrado non son incompatibles por iso debe haber moitos honrados votantes do PP. Agora ben, quen da apoio a corruptos non é unha vítima, convertese en cómplice. Por esa razón os honrados votantes do PP deben reflexionar sobre o que van facer co seu voto e non entregarllo a corruptos por que todos, incluídos simpatizantes do PP, xogámonos o futuro e, un futuro de progreso, nestes momentos non pasa nin polo PP nin polo PSOE.

Estamos nun momento crucial no que, por primeira vez en séculos, temos unha democracia sen perigo de golpes militares e cunha sociedade suficientemente concienciada como para dar un golpe de temón que nos libere da corrupción e da ameaza de autoritarismo reaccionario. Non deixemos pasar o tren por que hai moitas posibilidades de que non volva.