Bloqueos e alternativas

27-08-2016 16:39

Mariano, dende Cotobade, voltou ao enésimo raca-raca do recorrente bloqueo por parte do PSOE para formar goberno.

Xa resulta sorprendente que o partido mais votado sexa un partido imputado ate os miolos, por casos de corrupción, de portas xiratorias, campión do austericidio, de recortes en dereitos básicos, impulsor da lei mordaza e da reforma laboral que condena a millóns de traballadores a traballos basura e que as reformas fiscais fíxoas para beneficiar e prexudicar aos de sempre. Pero que por riba se queixe de que non o deixen gobernar cando unicamente recibiu a confianza dun terzo dos votantes, é como para darlle de comer aparte, por non dicir algo mais forte.

O que leva ocorrido nestes anos de sacrosanta transición e democracia amañada, tén moito a ver con que se instaurou un réxime para perpetuar privilexios e favorecer as malas mañas.

E isto tén sido así por que se elaborou unha Constitución á medida de eses obxectivos.

Entón temos un problema sistémico que unicamente se resolve reformando a Constitución e adecuándoa as necesidades de todos e non duns poucos.

Pero cada vez que alguén tiña o atrevemento de suxerilo entón “ con la Iglesia hemos topado, amigo Sancho”. Tanto o partido conservador como os liberais do PSOE, facían valer o seu peso no Congreso e Senado para intimidar calquera conato de revolta. Índolle ben a eles que mais daba o resto.

Ah, pero agora que mudaron as correlacións de forzas, seguen sen querer baixar da burra.

Posiblemente, o actual PSOE, poidera ser mais receptivo a unhas mínimas modificacións da Constitución que nos permitiran camiñar hacia un modelo menos corrupto e mais solidario e democrático. Tamén o debería ser para tomar medidas previas.

Pero entón topámonos coa resistencia cerril dos ultraconservadores, que dispoñen de maioría suficiente no Senado para impedilo.

Os que manteñen un bloqueo permanente para que se poida actualizar e modernizar este estado, son os que se queixan dun bloqueo, para deixalos gobernar outra vez mais.

E isto cando representan a unha minoría, aínda que estean sobre representados, pola graza da lei electoral.

Pois ben, aínda que conseguiran o apoio dos Ciudadanos e Coalición Canaria, unicamente conseguirían o apoio de 170 escanos fronte a 180 opositores, o cal é a todas luces insuficiente.

Os opositores son partidos cuxos votantes dixeron claramente non a Rajoy. A menos que os seus dirixentes digan agora o contrario do que predicaron en campaña.

O futuro goberno pasa forzosamente polas decisións que adopte o PSOE.

Os socialdemócratas que fixeron a campaña polo cambio, pola derrota de Rajoy e as súas políticas, van sendo horas de que nos digan, claramente, se o cambio pasa por Mariano ou por unha alternativa construída cos outros 180 escanos.

Por que xa está ben de que o PSOE siga instalado no triplo non. Hai un “non” que non se pode mudar, o de non ir a terceiras elección. Iso obriga a mudar un dos outros dous.

Esperamos, polo ben de todos e da coherencia política, que non tenten meter gato por lebre, dicindo que o cambio consiste en que gobernen os mesmos.

O PSOE evitou o temible sorpasso pero, a cambio, adquiriu a responsabilidade de ser alternativa de goberno. Non é de recibo que agora se escondan como se fosen a cuarta forza política. Ás duras e ás maduras.

Pedimos responsabilidade a tódolos partidos pero, para ser xustos, na medida dos apoios conseguidos nas eleccións

Por favor, que non nos defrauden nin nos estafen.