Acordo de cooperación entre Coalicion Galega e Vía Nova Galicia

20-02-2017 21:37

Para que o nacional galeguismo teña o protagonismo que cómpre faise preciso alargar a súa base electoral, que se lle ha de restar á dos partidos do nacional españolismo, e non é posible abranguer tan amplo espectro ideolóxico dende unha única forza política galeguista.

Estase a botar de menos unha forza de centro que vaia dende a socialdemocracia ao centro dereita non franquista.

Cremos que hoxe danse as circunstancias axeitadas para que os galegos volvan a confiar en proxectos, feitos dende aquí por galegos e para os galegos, axeitados aos novos tempos, xa que estamos nunha  época de cambios no eido político, social e económico, que os galegos debemos aproveitar para recuperar o protagonismo que nunca debemos perder, para ser os artífices do noso destino como nación.

Somos conscientes de que os partidos galegos, ata o de agora, non estiveron á altura do desexado por os cidadáns, en parte por un exceso de minifundismo político e algunha que outra liorta, que en nada contribuíron a mellorar a confianza do sufrido votante, o que, sen dúbida, transvasou moito voto a partidos estatalistas, en busca dun mal menor.

Coalición Galega e Vía Nova teñen a firme vontade de cooperar a reconstruír o espazo de centro galeguista, en base a procura dos consensos básicos para recuperar para o galeguismo un espazo ideolóxico fundamental, porque cremos que é, precisamente no centro, onde se ubica hoxe a maioría dos cidadáns e, polo tanto, a máxima forza de identidade e sentir do pobo galego.

O obxectivo é sumar esforzos entre todos os que o desexen, para volver acadar un liderazgo galeguista e integrador, que veña a representar aos galegos, non como nós podemos crer, senón como os galegos queren  “tal como somos”, baseándonos nun sentimento común de confianza responsable, entre representantes e representados.

Neste senso chegamos ao acordo de reconfigurar a organización interna de ambos partidos e, a partires de agora, constituír inicialmente unha confederación de ambas forzas baixo a denominación de Coalición Galega que sirva de prólogo a un entendemento mais amplo con outras forzas do mesmo ámbito ideolóxico.

Isto ademais conleva, loxicamente, unha recomposición dos órganos de dirección que ha de ser compartido por membros de ambas forzas.

O obxectivo final, como dicíamos, é poder dotar a Galicia da forza necesaria para que este país pase a ter o protagonismo que merece dentro do escenario estatal e, en consecuencia, se comece a facer outro tipo de políticas mais democráticas e solidarias cos que mais sofren as consecuencias da crise económica e os recortes, desterrar a corrupción e sen que isto teña que ser incompatible con mimar aos emprendedores e demais motores da recuperación económica.

 

                    Eladio Fernández                                             Fernando Alonso

             Presidente de Vía Nova Galicia                     Secretario Xeral Coalicion Galega