PSOE ¿Crise ou catarse?

29-09-2016 19:18

Estamos a ser espectadores dunha revolución interna dos socialistas que chega a límites insospeitados. Á beira de rematar no xulgado.

Ate o momento estábase a producir unha difícil convivencia entre dous sectores que compiten polo poder e que discrepan nos principios ideolóxicos, nas prioridades, en consecuencia nas estratexias.

No PSOE dende hai tempo, hai dúas almas. A da clase dirixente que foi evolucionando dende a pana a unha burguesía política acomodada, cada vez mais alonxada dos seus simpatizantes. Por outro lado a dos seus votantes que seguen impregnados de sentimentos de xustiza social.

Esa clase dirixente, durante moitos anos, serviuse dun sistema que favorecía o bipartidismo e da progresiva fanatización da política, a base de lanzar arengas  aos votantes para convertelos en algo similar aos hoolligans dun club de fútbol, onde o importante era a vitoria, fomentando a tirria ao adversario, e o programa unha cuestión moi secundaria, case prescindible. Isto motivou que se poideran acomodar, apoltronar. Eran tempos de bonanza na que nos podíamos permitir o luxo de que a política fora un espectáculo de diversión sen mais.

Pero co a chegada da crise económica a cidadanía comezou a darse conta da verdadeira influencia, nas nosas vidas, da actividade política e que coas cousas de comer non se pode brincar. Así foi que moitos espertaron,  sentíronse estafados e decepcionados, e decidiron que debían optar por outros proxectos diferentes aos que nos trouxeron a esta situación.

Mentres que, para o PP, as consecuencias foron mais leves do que cabía esperar, os socialistas pensaron que, para eles, non debería ser distinto e que poderían sobrevivir mantendo o mesmo sistema de trepas aburguesados coa leria de vendedores de enciclopedias que era ao que estaban acostumbrados. Isto trouxo, como consecuencia, unha continuada perda de respaldo social. E de eses pos veñen estas lameiras.

Entón pódese dicir, a grandes rasgos, que o partido rachou en dous: os que apostan por un continuísmo, partido e política mangoneados por unha clase dirixente, que prefiren entregarlle o goberno ao PP, antes que  abrir novas vías que poñan en perigo o sistema acomodaticio do réxime do 78, e os que, estando ao fronte das responsabilidades optan por escrutar vías anovadoras e defenden un goberno alternativo a Rajoy.

A mecánica pola que se está a tentar a derrubar aos “anovadores” xa mostra moi ás claras que clase de individuos son os que están por tras.

Había cincuenta maneiras elegantes e democráticas de definir as políticas ou mudar  de secretario xeral e optaron polo golpe de estado.

Inclusive non é presentable que, os mesmos que din a Sánchez que debe asumir responsabilidades,  lle neguen ao secretario xeral que convoque un congreso para poñer o seu cargo a disposición dos militantes en lugar de facelo ante o aparato do partido.

Non se pode facer unha análise tan simplista de que os resultados electorais son totalmente culpa de Pedro Sánchez. Mais ben as culpas están moi repartidas entre todos. Sánchez posiblemente sexa o líder da historia  socialista mais cuestionado internamente, xa incluso dende a súa elección. Cremos que neso tén moito a ver que fose elixido pola militancia e non polo aparato do partido. Por iso as súas teses sempre estiveron en minoría dentro dos órganos do partido. Tal é así que a executiva federal, logo do 20D, lle chegou a marcar liñas vermellas, para condicionar posibles negociacións con outros partidos, que puñan moi complicado formar un goberno alternativo. Logo do 26X, xa non digamos. Todo parece indicar que a maioría, era partidaria dunha abstención favorable a Rajoy e negábanlle toda posibilidade de busca de alternativas. Así pois, entendemos, que as responsabilidades das políticas realizadas correspóndenlle mais a esa executiva federal, tan intervencionista, que ao propio secretario xeral.

Traemos este tema a colación, non por que nos importen as cuítas internas dos socialistas, se non polas repercusións que iso conleva para a política institucional do Estado e a democratización interna dos partidos políticos.

Os inmobilistas, os de que todo siga o mesmo, para a elección de Presidente de Goberno, parten dunha falacia, “que o PSOE pase directamente á oposición”.É imposible ser oposición se antes non se forma goberno. A aritmética parlamentar fai imposible a elección do goberno sen a intervención do PSOE por comisión ou omisión. De calquera xeito todo pasaría por que os socialistas facilitaran o triunfo de Rajoy.

Non é nin coherente nin honesto que, quen se presentou nas eleccións como alternativa de goberno, quen criticou tódalas políticas dos conservadores, quen asegurou que non se poden consentir catro anos mais de un goberno de corruptos agora lle facilite o goberno salvo que te chames Albert Rivera, claro. E xa vimos os resultados.

Entón Sánchez aparece como mais coherente, honesto e democrático que o sector crítico.

A vitoria dos dinosauros suporía a reelección de Rajoy, a perpetuación do sistema, o indulto dos corruptos, a continuidade do austericidio, a mantenza dos privilexios de clase e a predominancia dos aparatos de partido sobre a militancia.

Pola contra o triunfo de Sánchez suporía a posibilidade de demoler o réxime do 78, con todo o que iso supón, e o inicio dunha nova forma de entender o funcionamento interno dos partidos, con mais participación das bases fronte aos aparatos. En definitiva, mais democracia directa.

Pode parecer que o barullo organizado polos socialistas non sexa positivo pero nós opinamos que si é boa. Cremos que este bombazo era inevitable. Esa cohabitación entre dispares non podía ser duradeira. Que un partido cunha posición tan imprescindible para o desenvolvemento político, canto antes se defina, mellor. Que o resultado final conleva unha limpeza tanto ideolóxica como de órganos internos.

Témola a esperanza de que camiñen na boa dirección e que deixen de ser unha organización ao servizo do sistema para poñerse ao lado dos cidadáns.