Presentación da Candidatura de Nós en Ourense

21-11-2015 20:36

Onte fixose a presentación da candidatura de Ourense nunha cea de irmandade na que interviñeron distintos candidatos e representantes de grupos políticos que forman parte da coalición electoral.

A candidatura presentada, ante a xunta electoral, queda composta da seguinte forma

CONGRESO

1. Dona Noa Olalla Presas Bergantiños.                          SENADO

2. Don Xesús Manuel Suárez García.                              1. Don Francisco Xabier González Sotelo.

3. Dona Perfecta Losada Sotelo.                                     2. Dona Carmen Bolaño Vázquez.

4. Don Fernando Alonso Lorenzo.                                   3. Don Diego Lourenzo Moura.

 

Non dispoñemos dos discursos dos intervintes pero podemos presentarlles  o expresada por Coalición Galega que foi o seguinte:

Tanto a nivel Estado como a nivel Galiza, estamos ante una situación de emerxencia pola degradación e esgotamento a que chegou o sistema político.

Estamos nun momento transcendental no que se demanda abrir novos camiños que nos conduzan a unha fonda transformación do sistema que nos permita superala crise económica e política.

E nesa andaina, Galiza tén que partir de postos de pole position para non verse relegada a posicións das que teñamos que lamentarnos no futuro.

Antigamente, cando as campás tocaban a arrebato, todos, sen distinción, acudían prestos a apagar as chamas na casa do veciño. Por iso, nesta ocasión, resulta perfectamente comprensible que se constrúa unha forza galeguista a partir de forzas heteroxéneas por que, por enriba de todo, ha de prevalecer o interese colectivo sobre os intereses particulares.

Ou triunfamos unidos ou fracasamos por separado. Quen non entenda isto está condenado ao desastre e á derrota. Por que, a sociedade, xa non está disposta a mais enganos dos sufridos durante corenta anos de réxime bipartito.

Nós-Candidatura Galega tén a obriga de ser unha fórmula de éxito por que está en xogo o futuro de todos.

Temos que recoñecer que o galeguismo, en xeral, estaba a chegar a unha fase de fin de ciclo e esta nova forza ha de converterse no rexurdimento en base a novas formas de entender e practicar a política, con novas ideas e novo discurso, que sirvan de acompañamento a esta coalición de unidade nacional.

Actuemos con altruísmo e altura de miras para que a sociedade deposite o máximo de confianza en Nós.

Apostemos por un proxecto de longo recorrido, con vocación de seguir servindo a Galiza mais alá do 20D.

Os galegos están fartos da podremia política, ensimesmada que non mira mais que polos seus propios intereses.

Pola nosa parte imos por todo o esforzo, rigor e seriedade posible para abrir portas á esperanza do cambio e que  non se sintan defraudados.