O experimento Nós Candidatura Galega

21-05-2016 23:29

Despois das elección do 20D, a Coordinadora Nacional reuniuse para facer unha análise e valoración dos resultados e das causas dos mesmos como a configuración da coalición electoral, da campaña e do discurso transmitido.

Para comezar entendemos que se retrasou en demasía en  concretar que forzas ían participar e, en consecuencia, condicionou todo a posteriori.

Pola nosa parte avisouse reiteradamente, co a suficiente antelación, dos prexuízos que iso podía ocasionar, mas había unha certa obsesión por esperar por quen non mostraba excesivo interese en participar.

Aínda que finalmente se formalizou a coalición electoral, non todos creían totalmente na idea orixinal proposta por Coalición Galega de que, ante a situación de desfeita política do Estado, deberíase conformar unha unión de forzas galeguistas, transversal, para poder ter a forza suficiente no Congreso para reivindicar os dereitos de Galiza.

Non se conformou unha estrutura organizativa propia da coalición se non que nos vimos integrados na estrutura do partido hexemónico dominante.

Os cabezas de lista tampouco reflexaban a pluralidade. Pertencían todos ao partido dominante. Tampouco se estudou o seu perfil. Semellaba que primaba mais a vontade de dar satisfacción ás presións internas de unha forza política que a valía dos candidatos.

O discurso nin de lonxe transversal, nin de consenso. Foi o resultado do discurso do partido dominante mais as aportacións dos candidatos que, como anécdota, en mais dun mitin dixeron que “eramos a única candidatura nacionalista de esquerdas”.

Tampouco se tivo en conta os cambios que se tiñan producido na sociedade ni no escenario político. Mudaran as prioridades da xente, a forma de percibir o nacionalismo, apareceran novos competidores e había mais probabilidade de dispersión do voto pero mantíñase unha mensaxe descontextualizada e obsoleta.

Pasadas as eleccións, as conclusións por parte do partido dominante, de forma sutil e indirecta, viñan a ser unha certa recriminación da aportación, a coalición, das forzas “secundarias” e que pola contra lles trouxo problemas de implantación de imaxe ou marca comercial.

Que o cociñeiro que decidiu que comida se confeccionaba, cando se empezaba a cociñar, con que materiais se elaboraba e como se presentaba o prato,  traslade a terceiros a responsabilidade do pouco éxito das viandas é un recurso manido para non enfrontarse a realidade ou non saber cal é a realidade.

Para solucionar adecuadamente un problema faise imprescindible facer un bo diagnóstico de cales son as causas que crearon o problema.

Cando unha forza política leva anos perdendo apoios continuadamente non pode buscar as causas fóra. Cremos que unha das principais causas, da perda de apoios, está en facer un diagnóstico errado, irse apartando da realidade e, por tanto, manterse en posturas dogmáticas e radicais que te levan a conectar unicamente con minorías.

Asistimos ao último congreso do BNG e, de todo o escoitado, pareceunos que as conclusións finais de endereitar o rumbo eran ¡Mais BNG, mais BNG!.

Cada partido tén todo o dereito a tomar as decisións que crea mais convenientes pero tamén tén que ser consciente de iso conleva unhas repercusións.

Con isto o BNG renuncia claramente a unha coalición plural e transversal.

Aínda que fomos convidados a participar na nova “coalición” para as eleccións do 26X, deseñada polo BNG, e que se denominará BNG-Nós, agradecéndolle o convite, declinamos participar na mesma por que sinceramente non podemos encaixar como “axudantes” de algo que pretende aparentar ser unha coalición pero realmente non no lo parece e, por riba, ideoloxicamente queda ubicada á esquerda da esquerda.

Forzosamente o noso camiño tén que ir por outro lado e seguimos a traballar para construír a forza galega que precisa este País tentando de sumar a nosa forza a outros colectivos que estean mais na dirección do que pretendemos.